Pepe Barroso, CNN oil report

Outubro 1, 2012 en Gastronomías secundarias

Coñecín a Pepe Barroso nos tempos nos que os deportes da Galega estaban cheos de partidos de Champions, Uefa, Liga e Copa do Rei. Aquel correspondente en Ourense, seguidor incondicional do Betis, acabou sendo unha referencia para os informativos de CNN+.

O seu particular estilo, elegante e divertido, levouno anos despois ao terreo gastronómico cunha serie de produtos dignos de mención. Creo que as olivas, polo que me di Miguel Vila en Colineta, están soberbias, galegas e ricas, todo un descubrimento. Agora non están en temporada, pero prometeu unha mostra para dar conta delas.

Do que si podo falar é do aceite de oliva virxe extra Eidos de Iria, con recendo a mazá e un chisco de picante que lonxe de amolar semella darlle aínda máis vida a este ouro líquido ourensá. Creo que Pepe, máis aló de ver algún día unha final de Copa do Rei entre o Betis e o Ourense, acaba de pechar un soño: poñer no mercado un produto galego de primeira. Cando os romanos sementaron os olivos no Val de Monterrei e na serra do Xurés igual non contaban con este intrépido xornalista, aventureiro e gastrónomo advenedizo.

Pepe, noraboa por este aceite de ensalada, de pan de Cea,  de peixe fritido ou de lacón es liscos con pemento picante…por non falar do polbo. Lembro coma se fora hoxe unha mítica frase súa falando dos representantes de fútbol, “tipos capaces de mergullarse nun cubo de lixo por un billete de cinco euros”. Eu aínda iría máis abaixo por unha destas latas. Sorte amigo!

Comparte